Aceptar
Pechar

Información sobre cookies

Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros para recopilar información que axuda a optimizar a súa visita. As cookies non se empregan para recoller información de carácter persoal. Vostede pode permitir o seu uso ou rexeitalo, tamén pode cambiar a súa configuración sempre que o desexe. Dispón de máis información na nosa Política de Cookies.

  • Actividades
  • Pazo da Cultura
  • Salón do Libro 2019 - A revolución

Salón do Libro 2019 - A revolución

Avísame

Data

22 de marzo - 12 de abril

Categoría

Salón do Libro

Hai unha vella canción que di que vinte anos non son nada, mais para nós vinte anos son —case— todo.
O Salón chegou hai vinte anos á nosa cidade con vontade de revolucionala. E así o fixo, cambiounos á cidade e á nós. Con el aprendemos que a literatura infantil e xuvenil non era só cousa de crianzas, e que non era a rama pobre da Literatura —que din— con maiúsculas. Que as ilustracións non son debuxiños que adornan o texto, que son quen de contar a súa propia historia. Que as lecturas, se son compartidas, tórnanse máis enriquecedoras e divertidas. Que os contos lidos ou narrados en voz alta dan caloriña ao corazón e arredan o medo e o frío. Que a música tamén serve para inventar universos. Que hai moitos mundos que nunca coñeceremos se non nos atrevemos a mergullarnos nas páxinas dos libros.

Co Salón tamén aprendemos que as cousas só medran se se fan con ilusión e co traballo de todos e todas, por iso chegamos ata aquí, pola equipa de xente xenerosa que ao longo destas dúas décadas foi deixando o seu tempo, coñecemento, boa vontade, enerxía, devezos e soños, sen os que tería sido imposible celebrar este vinte aniversario. Esta festa é vosa, de todas as crianzas, familias, docentes, escolas, bibliotecas... que pasastes algunha vez —ou todas as veces— polo Salón, para escoitar contos, lelos ou gozar dos mundos máxicos que tentamos crear coa ambientación cada ano. Moitos chegastes a primeira vez como cativos e cativas e agora nos acompañades como pais e nais, ou traballando con nós, como monitores ou contando contos, impartindo obradoiros...
O Salón, igual que a nosa cidade, transformouse e transformounos nestes vinte anos, desde o claro compromiso de que as crianzas nesta Boa Vila (que dá de ler a quen pasa) son a medida de todas as cousas.

Coincidimos con Borges en que as cidades son libros que se len cos pés e temos o orgullo de afirmar que a nosa lese con pés de neno e de nena.

Celebremos estes vinte anos e brindemos porque veñan máis vinte!