Oficina de congresos
Pontevedra: cidade de congresos
A cidade de Pontevedra esténdese pola parte sur da ría que leva o seu nome, na parte baixa do río Lérez. Fundada, segundo a lenda, polo arqueiro grego Teucro, adquiriu un gran auxe a finais da Idade Media grazas á rica actividade comercial do seu porto.
O seu centro histórico, un dos máis fermosos e mellor conservados de Galiza, reflicte tanto o pasado mariñeiro da cidade, como as artes e os oficios dos seus poboadores; este legado mantense vivo nos seus monumentos, nas empedradas rúas, nas asoportaladas prazas e nas súas xentes.
Posúe un clima excepcional ao longo de todo o ano cunhas temperaturas moi agradábeis que invitan a disfrutar da cidade cos cinco sentidos. Igualmente cómpre destacar a súa riqueza folclórica, cultural e gastronómica, así como os seus atractivos turísticos de primeira magnitude. En definitiva, unha cidade aberta e moderna, unha cidade que aposta polos novos tempos, unha cidade de futuro.
Nos últimos anos experimentou un impresionante desenvolvemento nas súas comunicacións e instalacións hoteleiras. Por outra parte, a súa situación estratéxica, a cómoda e rápida accesibilidade e a moderna infraestrutura de servizos que posúe fan da capital das Rías Baixas un punto de encontro e negocio entre profesionais e comerciais.
Servizos
Se está pensando en organizar o seu vindeiro evento en Pontevedra, isto é o que o Pazo da Cultura pode facer por vostede:
- Asesorámolo na selección da sala para o congreso ou reunión segundo as súas necesidades.
- Informámolos sobre os servizos, as infraestruturas e os accesos da cidade.
- Poñémolo en contacto con profesionais locais especializados na organización deste
- tipo de eventos que ofrecen os seus servizos a prezos máis competitivos,
- estabelecidos en virtude de colaboracións.
- Colaboramos coa organización do evento para presentar a candidatura da nosa cidade como sede do encontro.
- Colaboramos na tramitación de permisos ou licencias municipais.
- Ofrecémoslle apoio institucional e técnico.
- Facilitamos documentación e material publicitario sobre a nosa cidade.
- Poñemos á súa disposición o material gráfico que precise, así como o noso gabinete de prensa.
- Promovemos o seu evento na nosa páxina web.
- Asesorámolos na elaboración de programas sociais para congresistas e acompañantes.
- Integramos a programación cultural do organismo, tales como concertos, obras de teatro, exposicións... no programa social do evento.
- Organizamos visitas guiadas á cidade.
- Colaboramos na obtención de accesos gratuítos a museos e acontecementos culturais.
- Colaboramos na utilización de edificios históricos singulares ou municipais.
- Poñémolo en contacto con agrupacións folclóricas e culturais.
