Aceptar
Pechar

Información sobre cookies

Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros para recopilar información que axuda a optimizar a súa visita. As cookies non se empregan para recoller información de carácter persoal. Vostede pode permitir o seu uso ou rexeitalo, tamén pode cambiar a súa configuración sempre que o desexe. Dispón de máis información na nosa Política de Cookies.

  • Actividades
  • Sala de Exposicións
  • Exposición "CORPO: Miran o que non poden ver"
  • David Ortega

    David Ortega

  • Alejandro Tarantino

    Alejandro Tarantino

  • Fernando Carballa

    Fernando Carballa

Exposición "CORPO: Miran o que non poden ver"

Avísame

Data

25 de abril - 08 de xuño

Horario

19:00

Lugar

Sala de Exposicións

Categorías

Arte , Exposición , Plástica

Exposición colectiva de TRESENSUMA na que poderedes gozar da obra de Fernando Carballa, Andrés Delgado, Cari Fernández, Mariano Gallego Seisdedos, Román Hernández, Eva Hiernaux, David ortega, Alejandro Tarantino e Miguel Vázquez.

A inauguración terá lugar o 25 de abril ás 19:00 horas e poderá ser visitada ata o 8 de xuño no horario habitual de apertura da sala.

 

O corpo

Texto de Alejandro Tarantino Aréchega

Buscamos unha imaxe que xace no que vemos, unha orixe do sangue e a carne, do respirar, da falta e a carencia, que nos restitúa á linguaxe imposible previa á metamorfose do erotismo en melancolía, que nos desvele o desexo que lle foi roubado ao corpo por relatos de sociedades que o cubriron co artificio dunha arte que non mostraba o vivo, que o relegou á piedade, convertido á incuria da sexualidade. Buscamos o acontecemento que ante os nosos ollos se oculta na forma da evidencia, antes de abandonalo todo, de partir cara ao deserto dos asombros, antes do espanto que sen apromo teme o seu propio desexo, esa continencia proterva do estoicismo. Miramos a multitude dos corpos que nos legaron desprovistos de proporción; imaxes, pinturas, que lonxe da evidencia nos dan o invisible, a ocultación, a eterna noite das ruínas e os libros onde o acto poético se sabe onticamente (1). Acto que vive dun modo crucial a epojé (2) da memoria, o seu éthos (3) sacrificial, é dicir, non estar exentos do incerto na palabra, non por mirar recluírse na ataraxia e deixar de buscar o asombroso e desesperante, a túa diferenza no detido. Unha teoría do corpo erotizado (4) que o faga visible non á historia, senón á época das sombras e a néboa, ao pensamento do descoñecido de Anaxágoras (5), o ápeiron de Anaximandro, ao tempo de brumas socráticas disipadas nas nubes (6).

 

O corpo ha de afastarnos do tedio e a decadencia metafísica de occidente, como un lume secreto, pleistocénico e bípedo, erectus, chama e palabra. É a ferida incurable que a arte palía a duras penas dun modo inconsciente: chama e palabra é amor, o estraño veleno, rubicundo, da vida, do desexo do outro a través do cal nos construímos sen linguaxe, ou coa súa insuficiencia, sobre o leito nocturno do escrito. Tempo tras tempo afastándonos, aumentando a angustia e a tolemia entre as formas que esperan, extraviadas, a beleza, esa levidade na que demandamos o absoluto que non esperamos, que é ir ao encontro dunha concepción nutricia, un devir que prohibe regresar porque a beleza non ten destino e instaura ao corpo fóra do tempo, eterno e creador como un deus irrepresentable e caído. O corpo sen transcendencia, sublunar, pechado na teoloxía natural do pensamento, na revelación da súa ocultación; é o deus escuro de non ter sido, o imaxinario que se ergue entre os corpos para descubrirnos o que non pode aparecer: que o non esquecido (7) existe máis aló da asimilación psíquica e da perda nunha arte de imaxes xa mortas, que xerminan no imago latino, onde abrazamos a nosa disolución coa contención estética da sublimación.

 

Pasearán como Tiresias, cegos por ver o estraño bronce especular de si mesmos no que o desexo e a morte, como soño, entrarán na realidade aínda que esta non queira, para transformala e prolongar o desexo aumentando o segredo, o torvo mirar da sombra que camiña entre as certezas alleas da representación. A súa oralidade retirará as efraccións do pasado, e a vida no seu caos dará a nudez ao que non poden ver, á noite sincrónica do corpo onde sen a vestimenta do medo nada será ignorado nin sabido, e o misterio, como froito da mirada, nos fascinará de novo máis aló das falsas metáforas. Tralo paseante, o goce de non sentir ansiedade entre a voz e a pel, de romper a cadea dunha epidemia de tristeza (8). A paixón erótica, o seu furor entre os simulacros, na arte e na súa virtus, outorga unha finalidade saciada: a autarquía do corpo. Vivir no teu propio corpo, non necesitar ao outro, é atopar o locus do pracer, sen verse sometido á orde contraditoria da culpa. Ese lugar é a biblioteca, onde nada se afasta da terra na que brotan os instantes, as flores do mal, a ética da beleza, pola que como flâneur mirades o reflexo do voso corpo, o drama catártico da modernidade romana (9).

 

O corpo, un ego de pracer que morre, unha palabra, un pensar, un animal ferido de nacer cuxo frenesí é a Ilíada, a cólera preverbal do heroe homínido, que comprende que morre e non é un regreso. Recreado pola súa descendencia mentres a natureza o oculta nas estacións xeolóxicas, facémolo aorístico, e saturámonos de significacións perdidas e reminiscencias sen presente, e neurotizámonos sen el. Destinados ao esquecemento, facémonos amantes para recordarnos, para recuperar a solidariedade de ergaster, para non volver ser un animal e aceptar a incesante volta do ancestral aos argumentos dos nosos soños, onde ouveamos pola fame e o frío, pola vellez filoxenética e a morte á que descende a mirada. Porque o noso ventre é un abismo profundo, hipoxeo da arte devorada polos seus propios corpos fúlxidos e carnívoros, consumido como alimento para outros tempos nunca contemporáneos, alimento da noite e do berro e da palabra e a luz e o esquecemento e o mundo e a nada, na que quedará, soa, unha humanidade sen corpos palatinos, unha voz que sucumbe ao silencio, o oculto feito certeza, o amor sen vaxina e sen falo, o caos unha orde sen palabra, e a chama que arde nas entrañas, chama.

 

Non evitaredes como Belerofonte (10) as pegadas dos homes nin a furia do ideal, nin miraredes de través o descoñecido, non será o fastío o voso goce. Desexaredes nacer, erotizar o voso ser sombrío, as liñas e pregues tumescentes da carne, epíteto nutricio do corpo na arte, para non caer na melancolía do insomne, no taedium vitae que impón o Thanatos xunto ao estremecemento da luz e os seus delirios. Para sempre un corpo extraviado é o que ofrece a creación, un latexar de presenzas e ocultacións, un expresionismo concreto de bágoas sen motivo e restos do invisible, de rumores no bafo de fiestras, de vulvas e costas, de bocas que mastican o tempo. Un corpo que non te abandonará ata o momento da morte, nin a súa voz calará entre suspiros todo o amor perdido. Os corpos abrazarante e corresponderás con forza, intensamente, sen pecado ou dependencia; farano como un obsequio contra a acedía, obscenamente contra o dicible, así escoitarás o relato do querer vivir (11), o sexo da beleza, a cega e humana experiencia da ipseidade (12), da escuridade e o silencio aos que regresa o día espido, sen abstraccións que impidan vivir na linguaxe. O corpo é linguaxe reducida ao silencio posibilitador de amor e morte. A linguaxe é a vida secreta da alteridade e o amor.

 

O que buscades non existe, quererás volver a mirada, desaparecerás no visto porque non hai distancia, como un desterrado escribirás ameazado pola tolemia, polas sombras que non teñen nome concreto e baleiran os ceos, pola linguaxe que pecha os segredos, sobre a sexualidade e a morte no teatro do corpo, escribirás da solidez lúbrica dos corpos, detidos nun mundo que carece de realidade e é tan fascinante, tan digno e lento, como o real na arte: a ucronía do pasmo é o segredo da literatura, e esta a éxtase negativa do corpo.

 

Todo é un delirio entre Dionisos e Apolo, Roma e Xudea, entre a carne e o cristianismo, entre a natureza e a historia, entre a besta e o seu abismo, entre o asombro e a desesperación, entre corpo e palabra hai un inferno que franquear neste mesmo mundo. Cómpre un corpo humano, biografía de tratados de arte, co valor de non ser un vestixio da loita, senón a súa vitoria, a súa evidencia espida: o desexo de non saber, o desexo de amar o noso segredo, a nosa sospeita, que é o ser continxente que sostén o noso corpo coas súas propias mans, sen tabús, visible, dicible…