Aceptar
Pechar

Información sobre cookies

Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros para recopilar información que axuda a optimizar a súa visita. As cookies non se empregan para recoller información de carácter persoal. Vostede pode permitir o seu uso ou rexeitalo, tamén pode cambiar a súa configuración sempre que o desexe. Dispón de máis información na nosa Política de Cookies.

  • Actividades
  • Sala de Exposicións
  • Inauguración 'Na beira do río. Diálogos na pintura' - Jaime Falcón e Agustín Pousseu

Inauguración 'Na beira do río. Diálogos na pintura' - Jaime Falcón e Agustín Pousseu

Avísame

Data

14 de setembro - 12 de novembro

Horario

Visitable de martes a venres de 18 a 21 horas. Sábados de 12 a 14 e de 18 a 21 horas. Domingos e festivos de 12 a 14 horas. Luns, pechado.

Lugar

Sala de Exposicións do Pazo da Cultura

Categoría

Exposición

Dende o 14 de setembro ás 20:00h ata o 12 de novembro na sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra, Jaime Falcón (Cambados, Pontevedra, 1942) e Agustín Pousseu (Santa María-Río Grande do Sul, Brasil, 1958) achéganse á corrente do Lérez para dende as súas orelas converter a súa pintura en protagonista do outono pontevedrés.

Durante a inauguración, a que asistirán o Alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Cultura, Carme Fouces, ambos artistas e o comisario da mostra, Ramón Rozas, terá lugar unha pequena intervención musical da man de Ada Pouseu e Andrea González (Quodlibet)

‘Na beira do río. Diálogos na pintura’ chega con eles a súa séptima edición. Sete anos dialogando a través das pinceladas de diferentes protagonistas que elixiron a pintura como xeito de expresión e, co paso do tempo, tamén de resistencia fronte a outras disciplinas artísticas e, porque non, fronte a unha sociedade que nunca é o suficientemente agradecida cos seus artistas.

Cunha longa experiencia no mundo da arte os protagonistas desta edición son veciños de Pontevedra e dende esta cidade veñen a renovar a súa sobranceira posición no eido cultural a través da súa propia linguaxe que nesta exposición enguedéllanse entre si para compoñer unha nova mirada dende esa conversa aberta a todos nós.

Ambos traballan dende esa profundidade que esixe a pintura. A loita co lenzo en branco para resolver problemas á hora de armar unha composición axeitada, porque se algo preocupa a ambos é honrar esa paixón pictórica.

As lendas e tradicións, o mar ou o Entroido son o compás para mergullarse nas temáticas propostas por Falcón. Paisaxes debullados dende a experiencia interior, veladuras que xeran unha atmosfera abraiante para encher de maxia cada un dos seus lenzos, figuras dunha mirada infinda cara o horizonte e as súas características máscaras, de longa tradición na historia da pintura, e que amosan aquí a habilidade do autor para manexar unha temática tan complexa pero de fascinantes conquistas para o goce do espectador.

O outro protagonista desta cita, Pousseu, fuxe dun tratamento mecánico da pintura, da repetición que aburra ao espectador, pero tamén ao artista, tentando conquerir novas solucións para unha arte que se desprega máis aló do pictórico, achegándose ao escultórico, o arquitectónico ou ao deseño. A súa serie Reflexos máxicos constrúese dende esa xénese do creador onde tamén a música ou a escrita conflúen nuns cadros que agochan e contan moitas cousas. Nesa pescuda o creador é quen de facernos camiñar polo medio dun bosque, un xeito de experimentación artística abraiante pola súa consecución e por acadar un resultado de infindas posibilidades dende a diversidade da composición e as posibilidades da materia.