• Escultura “Unha Folie” dos artistas Anne e Patrick Poirier

    Escultura “Unha Folie” dos artistas Anne e Patrick Poirier

  • Escultura “Unha Folie” dos artistas Anne e Patrick Poirier

    Escultura “Unha Folie” dos artistas Anne e Patrick Poirier

  • Escultura “Unha Folie” dos artistas Anne e Patrick Poirier

    Escultura “Unha Folie” dos artistas Anne e Patrick Poirier

Unha Folie

Dimensións

Superficie ocupada: 3.000m2

Material

Granito Gris Perla de Arcade

A obra atópase fóra da illa, na beira norte do Lérez, onde as augas remansan e por onde nadan patos e cisnes, un lugar ideal para o descanso e para soñar. Un camiño, flanqueado por pedras e plantas, que atravesa catro arcos metálicos con plantas gabeadoras.

En cadanseu lintel atopamos unha lousa cunha verba inscrita: esquecemento, recendos, soidade, soños. Este camiño lévanos a unha habitación, na entrada pisando outra lousa coa inscrición Hortus Conclusus accedemos a habitación de ceo aberto, onde nos poderemos sentar nunha das tres cadeiras de pedra ao redor dun cerebro de granito gris situado no centro, que representa a memoria.

Din os autores: “O noso desexo é invitar ao paseante a perderse, que faga o camiño, soñando, que respire a calma que está a desaparecer…Unha calma que lle leve a reencontrar determinados recordos…”.

ANNE & PATRICK POIRIER

Anne Houllevigue e Patrick Poirier, nacidos respectivamente no 1941 e 1942 en Nantes (Francia). Esta parella de artistas defínese como postmodernistas. Toda a súa obra xira en torno a natureza do tempo e a decadencia, todas teñen que ver coa memoria.

Para os Poirier a memoria é o único recurso contra un mundo en dexeneración continua, “a memoria e o coñecemento das culturas é a base de todo o entendemento entre as persoas e as sociedades”. No 1966 obtiveron o Premio de Escultura Villa Medici (Roma).