Aceptar
Pechar

Información sobre cookies

Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros para recopilar información que axuda a optimizar a súa visita. As cookies non se empregan para recoller información de carácter persoal. Vostede pode permitir o seu uso ou rexeitalo, tamén pode cambiar a súa configuración sempre que o desexe. Dispón de máis información na nosa Política de Cookies.

  • Novas
  • Ludantia. I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade

17/04/2018

Ludantia. I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade

 

  • Instalada no Pazo da Cultura, a ‘Exposición activa’ permanecerá visitable do 10 de maio ao 17 de xuño.

 

  • Contará con actividades concertadas con centros escolares en horario matinal e para público familiar durante as fins de semana.

 

  • Do 10 ao 12 de maio, no Salón de Actos, terán lugar unha serie de conferencias con convidados/as internacionais e  seminarios, que precisan de inscrición previa na súa web.

 

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou hoxe no Pazo da Cultura, Ludantia, a I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade. O acto, conducido polo decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, contou coa presenza  do director executivo de Ludantia, Xosé Manuel Rosales, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernádez, a presidenta da Deputación, Carmela Silva e ,José Antonio Cerdeira da Xunta de Galicia.

No seu discurso, Xosé Manuel Rosales, destacou a importancia de “escoitar a opinión dos nenos/as á hora de crear espazos públicos e de que esta iniciativa, dea alternativa a unha dinámica onde isto non sucede”.  Rosales  salientou a participación, xa que dende outubro de 2016 cando se fixo a convocatoria, foron presentados 89 proxectos, pertencentes a 19 países. 18 son galegos e entre eles podemos atopar un dos tres gañadores: o CEIP Sanjurjo de A Coruña. Os outros dos pertencen ás Baleares e os nenos dunha favela de Caracas.

Sobre a ‘Expo Activa’ a que asistirán escolares de toda Galicia e público familiar “foi concebida como un espazo de xogo da arquitectura. Un xogo libre, e unha oportunidade formidable de achegamento á posibilidade de construcción colectiva”

 

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo amosar a súa satisfacción e parabéns  ao Colexio de Arquitectos por ter consumado esta iniciativa que vén de hai anos, polo feito de que as tres Administracións confluísen na participación neste proxecto e por ter escollido a nosa cidade para levar a cabo esta primeira edición, porque “diso, algo sabemos: construír cidades, vilas, pobos ou núcleos rurais accesibles e de alta caldiade é unha decisión política. Mellorar os espazos e crear un mundo mellor pasa por recuperar o espazo público – que se perdera especialmente nas cidades- para os cidadáns.Toda a sociedade debe participar para que os proxectos vaian adiante: os informadores a través do ensino, os técnicos como os arquitectos e a sociedade en xeral, pero especialmente os nenos/as que son o futuro. Esta bienal toca todos os aspectos. Construír cidades e pobos pensando no que precisan os nenos, é a clave do éxito”

 

Ludantia é un punto de encontro que trata de xuntar experiencias relacionadas coa educación en arquitectura para nenos e nenas e mozos e mozas (ata 18 anos) no ámbito internacional. Trátase dunha plataforma desde a que compartir, debater, experimentar e difundir proxectos educativos e de investigación que traballan co espazo –doméstico, social, urbano, rural, natural ou humanizado– e nos que a infancia e a mocidade son protagonistas.

 

O obxecto de Ludantia é lograr incluír á infancia e a mocidade nos procesos de construción do espazo común, acompañándoos nos seus procesos de creación e sendo mediadores para que se escoite a súa opinión e se teñan en conta as súas propostas, coa firme crenza de que con iso acadaranse contornas mellores. Por iso o tema elixido para esta primeira edición é o espazo público baixo o título: Habitar o espazo común desde o lúdico: do patio escolar á cidade como taboleiro de xogo”.

 

O evento, aberto a centros  educativos, profesionais da educación, artistas, organizacións gobernamentais ou municipais, organizacións sen ánimo de lucro e persoas/colectivos independentes de todo o mundo interesados na educación do medio construído (arquitectura e territorio), celebrarase no Pazo da Cultura de Pontevedra do 10 de maio ao 17 de xuño. Antonio Maroño agradeceu ás tres Administracións Públicas o seu apoio para poder desenvolver Ludantia, una actividade de alcance internacional sobre a educación en arquitectura, indicada para axudar á infancia e mocidade a “soñar un mundo mellor”.

 

Fases 1 de Ludantia: Proxectos, premios e exposicións

 

Coa experiencia previa de máis de quince anos na organización das actividades e recursos educativos do Proxectoterra, en setembro de 2016 o Colexio de Arquitectos de Galicia asumiu o compromiso de organizar Ludantia, e estableceuse un plan de acción. De outubro de 2016 a novembro de 2017 desenvolveuse a fase 1 coa realización dos proxectos educativos sobre o espazo público. Recibíronse 89 proxectos de 19 países de Europa e Latinoamérica. En concreto, 18 proxectos dos recibidos foron galegos, sendo os máis numerosos entre os países participantes.

“Os proxectos educativos representan a parte práctica da educación en arquitectura, cos que se propón reflexionar de xeito crítico sobre o espazo público e transformar ditos espazos usando linguaxes artísticas, ben sexa a arquitectura, pintura, escultura, literatura, cine, teatro ou danza, de modo que se consiga a transformación física do espazo ou a transformación simbólica do espazo” –sinalou Xosé Manuel Rosales–.

Nos proxectos presentados, o alumnado sempre foi o autor en exclusiva das obras e proxectos. Os asesores externos e o profesorado axudaron ao mozos e mozas a expresarse por medio das técnicas da arte. Previamente, para os centros galegos, de outubro de 2016 a marzo de 2018 desenvolvéronse catro xornadas de formación para asesores na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Todas as sesións están dispoñibles no seguinte enlace: http://tv.campusdomar.es/series/57fcae081f56a8aa6dfa3a9a).

 

O colexio Sanjurjo Carricarte da Coruña gaña un dos premios ao mellor proxecto educativo

Xa na fase 2, de xaneiro a marzo de 2018, realizouse a preparación dos contidos da exposición e relatorios. Neste apartado, o comité científico de Ludantia xa procedeu á escolla dos proxectos presentados para amosalos na exposición que estará aberta ao público do 10 de maio ao 17 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra. Todos os proxectos que cumpriron os requisitos esixidos nas bases están accesibles a través da web da bienal: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional.

 

Ademais, a organización tamén premia os mellores proxectos. O comité científico xa emitiu o seu fallo, premiando a 3 proxectos pola súa innovación e calidade:

 

•    “La ciudad comestible. Arquitectives”, de Baleares: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional/la-ciudad-comestible

•    “O noso patio. CEIP Sanjurjo Carricarte”, da Coruña: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional/o-noso-patio

•    “Escalera de la quinta calle. Colectivo Surgente”, de Caracas: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional/la-escalera-de-la-quinta-calle

 

Dous representantes de cada equipo de traballo están convidados a contar  a experiencia en Pontevedra. Tamén outorgou 12 mencións a proxectos destacados (Enlace aos proxectos premiados e as mencións que se outorgaron: http://ludantia.wixsite.com/bienal-internacional/premiados-e-seleccionados).

Xa finalmente na fase 3, que se corresponde coa celebración da bienal, terán lugar os encontros os días 10, 11 e 12 de maio, onde se farán una serie de conferencias con invitados internacionaiss, seminarios e obradoiros infantís.

As exposicións estarán abertas ao público ata o mes de xuño nas salas de exposicións do Pazo da Cultura. Exporanse catro mostras: “LUDANTIA: Proxectos seleccionados”, “Colombia: País invitado”, “UIA Children-Golden Cubes” e  “Expo Activa”. Esta última exposición é un dos elementos esenciais de Ludantia e organízase grazas á colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. A mostra, destinada principalmente a centros educativos de Primaria, converterase nun gran espazo de xogo a partir da arquitectura, fomentando a autonomía e o xogo en liberdade entre nenos e nenas. Esta exposición interactiva –deseñada por Maushaus (Carlos Arruti e Anabel Varona– estará formada por dispositivos de xogo relacionados coa arquitectura.

Non hai comentarios en "Ludantia. I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade"

Deixa o teu comentario:

Gracias por tu comentario.