Aceptar
Pechar

Información sobre cookies

Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros para recopilar información que axuda a optimizar a súa visita. As cookies non se empregan para recoller información de carácter persoal. Vostede pode permitir o seu uso ou rexeitalo, tamén pode cambiar a súa configuración sempre que o desexe. Dispón de máis información na nosa Política de Cookies.

  • Novas
  • México no Salón

14/03/2018

México no Salón

  • A delegación mexicana, composta por 12 profesionais do mundo do libro, a ilustración e a mediación lectora, imparten e colaboran en máis de 60 actividades dentro do programa do Salón ‘Mulleres de conto’ do 6 ao 28 de abril
  • A representación institucional estará formada pola Consejera Cultural de México en España, Susana Pliego Quijano, Alín Escoto Torres, Subdirectora de Promoción Editorial  e Ixchel Delgado Jordá, Presidenta do Comité de Libros Infantiles y Juveniles da Caniem
  • Valeria Gallo, Cecilia Rébora, Gabriel Pacheco, Monique Zepeda, María García Esperón, Alondra Ramírez, Martha Riva, María Guiexhooba, Amanda Mijangos, Rocío Kuri impartirán obradoiros e contacontos e participarán en diversas conferencias e encontros profesionais
  • O chef mexicano Rómulo Mendoza achegará a gastronomía mexicana nunha cea con contacontos o venres 6 ás 21:30 no Pazo
  • O Salón estenderase pola cidade con actividades nas librarías, Sétima Feira, O Ganapán a Taberna do Jazz e a colaboración de 50 locais que engadirán as súas cartas petiscos mexicanos durante o Salón
  • O Recinto Feiral disporá durante as 3 primeiras fins de semana dunha pequena cantina mexicana, xestionada por El Mono con Sombrero, onde achegarse tamén aos sabores do país convidado.

A concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentou esta mañá a programación mexicana que formará parte do Salón ‘Mulleres de conto’. Segundo ela mesma destacou “ten entidade e un peso suficiente para debullala a parte, especialmente polo esforzo e o despliegue que farán dende o país convidado. O traballo feito ao longo dos anos, de colocar a Pontevedra no mapa, da este feedback, xa que a última vez que México fixo algo así foi para participar na Feira do Libro de París hai 5 anos. Fomos capaces de que coa imaxe e a potencia nos consideren a un nivel semellante a Paris. Tal e como comenta a Directora Genera de Publicaciones de la Secretaría de Cultura de México, Marina Núñez Bespalova no video que nos fixeron chegar, eles levarán tamén un anaco da nosa cidade”

O concello de Pontevedra aposta pola lectura como unha maneira de coñecer e valorar a nosa identidade, a nosa cultura, pero tamén para achegarnos a outras realidades. Por iso incorpora -recupera- unha nova xanela aberta ao mundo: países e culturas convidadas coa que compartir, intercambiar, buscar simbioses e sinerxias que nos enriquezan mutuamente a través das páxinas dos libros.

México é, desta volta, o noso país convidado. Non podemos sentir máis orgullo dunha delegación de 15 persoas (12 profesionais do mundo do libro e 3 representantes institucionais) que cruzaron o Atlántico para traernos o mellor das súas letras, da súa arte, promoción lectora, produción editorial, que nos farán coñecer unha cultura ancestral cunha inmensa riqueza lingüística e, como non podían faltar, as cores, aromas e sabores dunha gastronomía que é xa Patrimonio da Humanidade.

Ademais dunha representación institucional - composta por Susana Pliego Quijano, Consejera Cultural de México en España Secretaría de Relaciones Exteriores, Alín Escoto Torres, Subdirectora de Promoción Editorial y Eventos Especiales Secretaría de Cultura de México) e Ixchel Delgado Jordá (Presidenta del Comité de Libros Infantiles y Juveniles – CANIEM), integran a delegación unha serie de profesionais do mundo do libro que participarán de xeito activo na programación, impartido diferentes actividades – moitas delas en colaboración con profesionais da nosa terra – tales como contacontos, obradoiros, conferencias e encontros.

Serán as autoras do prestixio de María García Esperón, Martha Riva e Monique Zepeda, que achegarán a súa obra poética e narrativa ao público infantil e adulto a través de obradoiros, recitais e debates. As ilustradoras Valeria Gallo, Cecilia Rébora e Amanda Mijangos conducirán talleres de expresión plástica para o público infantil e participarán en encontros profesionais de ilustración e en actividades formativas co estudantado de ilustración, deseño e banda deseñada da cidade, ao igual que o recoñecido ilustrador Gabriel Pacheco, que se incorporará á delegación na segunda semana do Salón. As mediadoras Rocío Kuri, en colaboración co Centro Cultural de España en México, e Alondra Angélica Ramírez e Maria Guiexhooba contarán, en compañía das nosas narradoras e narradores Pavís Pavós, Bea Campos, Raquel Queizás, Paula Carballeira e Anxo Moure, historias da tradición oral mexicana, achegarannos a riqueza das 68 linguas do país e compartirán as experiencias más singulares de promoción da lectura do noso país convidado, coma o espazo Keren Tá do Mercado de la Merced, unha iniciativa social e cultural que nos contará Raúl Mejía, o responsable da iniciativa. O bocado máis saboroso da delegación virá das mans do chef Rómulo Mendoza, que nos achegrá a riqueza culinaria mexicana na cea inaugural do Salón.

A achega mexicana non se limitará só á participación dos convidados/as impartindo e participando nas diferentes actividades senón que virán, a través de Fondo de Cultura Económica, unha ampla selección de obras de literatura infantil e xuvenil de México, tanto para exposición no Salón como para venda en 12 librerías da cidade:

Con esta iniciativa en Pontevedra teremos un achegamento importante á LIX mexicana, que ao tempo ten a súa contrapartida cunha iniciativa que imos desenvolver con lectores e lectoras de diversos centros de Pontevedra en colaboración co Centro Cultural de España en Mexico: LIBROS QUE CRUZAN OCEANOS, onde a mocidade pontevedresa lerá e comentará a través da rede libros de autores e autoras mexicanos e as crianzas mexicanas, de Cidade de México e Oaxaca lerán obras de autores e autoras de LIX galega: Agustín Fernandez Paz, Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre, Ledicia Costas, María Solar... entre outros.

Tamén durante a duración do Salón e para coñecer os "platillos" no noso país convidado sen saír da nosa cidade, a hostelaría pontevedresa ten preparadas, para o mes de abril, saborosas sorpresas, incorporando receitas mexicanas na súa oferta gastronómica habitual. De entrada serán preto de 50 os establecementos que formarán parte desta iniciativa, que iremos perfilando nas próximas semanas.

O día 5 de abril o Alcalde e representantes institucionais participarán na recepción oficial da delegación mexicana e realizarán unha visita á cidade, para asistir ás 20h no Museo á inauguración de ‘Pintacuentos’ que contará cunha visita guiada da man da artista Itziar Ezquieta, Valeria Gallo e Cecilia Rébora.

O Salón botará a andar o venres 6  ás 18h no Auditorio do Pazo con espectáculo inagural, inspirado na cultura mexicana e, entre as actividades máis destacadas da primeira fin de semana, atopamos o venres da inuguración a contada na que, para fomentar o intercambio cultural,  Pavís Pavós e Raquel Queizás en compañía das nosas contadoras mexicanas convidadas Rocio Kuri, María Guiexhooba e Alondra Angélica Ramírez, percorrerán o Salón e o encherán de contos de mulleres dunha beira e doutra do Atlántico. Durante a fin de semana e ao longo do Salón haberá varias sesión de ‘Contos que cruzan océanos’ a varias voces, realizados a medias entre contadorxs galegxs e mexicanas.

Guiexhooba, Alondra, Cecilia Rébora, María Esperón, Amanda Mijangos e Martha Riba impartirán varios obradoiros relacionados cos contos e linguas indíxenas, a poesía e a ilustración e non faltarán Rocío Kuri e Don Raúl para achegar o espírito de Keren`Ta Merced a través dos contacontos gastronómicos.

Durante toda a súa estadía, continuarán impartindo actividades en aberto para público familiar e tamén concertadas con máis de 5000 escolares pertencentes aos centros colaboradores do Salón. Tamén realizarán visitas guiadas a ‘Pintacuentos’ Valeria Gallo e Cecilia Rébora, xa que ambas e as súas obras, forman parte da mostra instalada no Museo.

A nivel formativo e profesional - ademais das Xornadas Profesionais de Ilustración, que terán lugar a primeira fin de semana- cómpre destacar a participación de Valeria Gallo e Gabriel Pacheco en cadanseu encontro con ilustradores en formación e a intervención de Rocío Kuri no Congreso de Mediación Lectora do Salón, presentado hai semanas. Durante as tardes da semana do 9 ao 13 de abril terá lugar o ciclo de conferencias ‘A lectura é un arma cargada de futuro’, destinadas principalmente a docentes e homologadas polo CEFORE nas que, durante 5 días, integrantes da delegación mexicana e profesionais da LIX galega, evento no que se tratarán aspectos como a mediación lectora, (Raúl Mejía e Rocio Kuri, lecturas e marxinalidade con Alondra Angélica Ramírez, o libro e a diversidade lingüística índíxena con María Guiexhooba), libros para coñecer e cambiar o futuro (Martha Riva, Monique Cepeda e María García Esperón), A Poesía, Mulleres Ilustradas (Luz Beloso, docente e ilustradora galega, e as ilustradoras mexicanas Amanda Mijangos, Valeria Gallo e Cecilia Rébora), entre outras.

Tamén formarán parte activa das actividades que se realizarán fóra da ubicación habitual do Salón en diferentes espazos da cidade:

  • Sábado 7 de abril no Ganapán do Mercado:  Rocío Kuri e Don Raul con KerenTa Merced
  • Sábado 7 na librería Seijas, Monique Zepeda
  • Mércores 11 na libraría Pataka Frita con Valeria Gallo
  • Xoves 12 ‘Teñamos a poesía en Paz’ ás 20:30 na Libraría Paz:  A poeta galega Estíbaliz Espinosa e as autoras mexicanas Martha Riva, María García Esperón e Monique Cepeda protagonizarán un recital con versos dun e doutro lado do Atlántico.
  • Venres 13 ás 22:30 na Taberna do Jazz: Contacontos. Viva a vida!  De Rocío Kuri. Contos cheos de paixón, amor dor e tristeza feitos coa pintura agridoce da man de Frida Kahlo, que convidan a coñecer a maxia desta grande artista mexicana.
  • Sábado 14 na Sétima Feira no Mercado,
  • Luns 16 20:00 h en na libraría Cronopios Presentación. ‘Ícaro en el corazón de Dédalo’, da man do recoñecido ilustrador mexicano Gabriel Pacheco, que vén de publicar en Fondo de Cultura Económica unha das súas obras máis singulares, Ícaro en el Corazón de Dédalo.

 

En total serán máis de 60 actividades que encherán de sabor mexicano a programación escolar e familiar do Salón e a nosa cidade. O Concello de Pontevedra non ten máis que agradecer a colaboración de institucións mexicanas como a Secretaría de Cultura a través da Dirección General de Publicaciones Educal, a Secretaría de Relaciones Exteriores, Embajada de México en España Instituto Cultural de México en España, Amexcid, a Secretaría de Educación Pública, Fondo de Cultura Económica, CANIEM, o Centro Cultural de España en México e o Mercado de la Merced, que permiten abrir o Salón ao mundo.

Non hai comentarios en "México no Salón"

Deixa o teu comentario:

Gracias por tu comentario.