Aceptar
Pechar

Información sobre cookies

Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros para recopilar información que axuda a optimizar a súa visita. As cookies non se empregan para recoller información de carácter persoal. Vostede pode permitir o seu uso ou rexeitalo, tamén pode cambiar a súa configuración sempre que o desexe. Dispón de máis información na nosa Política de Cookies.

  • Novas
  • Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, candidata ao Premio do Público Culturgal

25/10/2013

Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, candidata ao Premio do Público Culturgal

A Feira lanza o galardón que se votará na rede até o vindeiro 15 de novembro

Recoñecer un proxecto cultural destacado no ámbito social a través da participación popular é a finalidade do Premio do Público Culturgal. O galardón, instituído pola asociación Culturgal, conta con tres candidaturas finalistas: Asociación PuntoGAL, Festival de Cine de Cans e Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Serán os internautas co seu voto os que resolvan que proxecto merece este premio, que será entregado o domingo 1 de decembro no transcurso da Feira. O periodo de votacións comenza o venres 25 de outubro.

Enriba da mesa da Asociación Culturgal un feixe de proxectos destacados propostos polos diferentes gremios que forman a directiva. Para seleccionar as tres candidaturas finais  valoráronse especialmente aquelas propostas novidosas, con proxección de futuro, transversais e asociativas, que se relacionen directamente coa sociedade civil e fomenten a súa implicación.  Finalmente os tres proxectos que máis apoio recibiron na Asociación foron Cans, PuntoGAL e Salón do Libro Infantil e Xuvenil. A partir de agora, a través da web www.culturgal.com, será o público o que decida quen leva o premio.

Da Asociación PuntoGAL destacan na organización da Feira o traballo desenvolto nos últimos anos a prol da consecución dun dominio propio, do recoñecemento  dunha marca propia coa que identificar todos os contidos xerados na rede e, así, facernos máis visibles dentro deste espazo de comunicación global. Na primavera de 2014 puntoGAL lanzará o rexistro de dominios na Internet tras dar luz verde  o ICANN o pasado mes de xuño.

Cans, que celebrará a décima edición en 2014,  é un festival transversal que apoia o asociacionismo a través da implicación de todos e que logra cada ano reunir a milleiros de persoas combinando cine, concertos, desfiles de chimpíns, pasarrúas, coloquios e moita festa. Así o destaca a organización de Culturgal, co engadido da repercusión local e internacional deste proxecto.

Desde 1999 até hoxe, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra medra: en número de actividades, en días, en público, en metros cadrados, en centros educativos participantes, etc. Promovido polo concello de Pontevedra, con sede no Pazo da Cultura de Pontevedra e cun programa sempre sorprendente que se engloba baixo un eixe temático anual -en 2014 será "Cociñando contos"-, o Salón mantén unha identidade vinculada ao libro. En todos os formatos, sen límite á imaxinación, pero sempre o libro.

A participación do público é clave para a acción cultural. De aí que a fórmula utilizada para este recoñecemento sexa a votación dos e das internautas, que terán a última palabra sobre que proxecto é merecedor do recoñecemento. Todas e todos os internautas están convidados a participar desta votación a través da web www.culturgal.com cun voto por IP.

A organización da Feira prepara un acto de entrega do galardón para o domingo 1 de decembro. Ademais o proxecto gañador contará cun espazo reservado especial na Feira durante os tres días de duración para mostrarse ao público.

Máis info en www.culturgal.com

2 comentarios en "Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, candidata ao Premio do Público Culturgal"

07/11/2013 - 11:44

David

Parabéns, vou votar xa! Saúdos

07/11/2013 - 11:46

Fernando

Eu xa o fixen, parabéns.

Deixa o teu comentario:

Gracias por tu comentario.