Teatro Principal

O Teatro Principal está emprazado no centro da cidade, en pleno centro histórico de Pontevedra, o que permite unha integración social e cultural que non sempre se atopa.

Foi inaugurado en xaneiro de 1997, e é obra do arquitecto José Ramón Miyer Caridad tras gañar o concurso de Anteproxectos en 1985. O edificio está composto por cinco andares e dous sotos. A fachada, con amplos ventanais, segue mantendo o frontón tradicional. Tamén conta con dúas salas de exposicións e un auditorio con capacidade para 434 persoas, que constitúen as naves principais do edificio. O escenario, de 52 metros cadrados, está dotado dunha plataforma móbil. Así mesmo, un falso teito mellora a acústica e dá cabida á instalación da iluminación.

En canto ao aspecto decorativo, tívose presente conxugar a idea inicial do teatro decimonónico cunha decoración máis actual, evitando os dourados e os detalles barrocos, buscando a esencia do edificio decimonónico sen ter que recorrer o detalle fácil. Ademais as portas e a decoración aseguran un acondicionamento acústico óptimo.