Domingo 7 de febreiro de 2010

Teatro Principal (Auditorio) 12:00hTeatro

Gorakada chega dende a localidade vasca de Durango co propósito de facer un espectáculo multicultural dirixido ao público infantil: “La Ciudad Inventada” é unha obra recomendada para nenos e nenas dos 5 aos 12 anos de idade.
En “La Ciudad Inventada” conviven varios contos tradicionais chegados de distintos lugares do planeta, dando pé a varios encontros orixinais que enriquecerán aos seus protagonistas. O obxectivo das marionetas que percorrerán o escenario é quitar aos nenos e nenas o medo que teñen a separarse dos seus pais e nais. A historia comeza cando un neno senegalés coñece a unha nena brasileira que non pode durmir desde que o seu pai a abandonou. Os dous protagonistas, que vivían aventuras en contos distintos, comparten as súas dúbidas e os seus medos, ao descubrir que teñen máis en común do que pensaran. Maui, o personaxe dun conto tradicional neozelandés consegue derrotar a un malvado feiticeiro palestino. Ao tempo, un coello arxentino pide axuda aos seus veciños para recuperar a súa casa, que fora ocupada por un descoñecido. Esta obra que nace da fusión de varios relatos para crear unha historia única estreouse en Maitena-Abadiano o 8 de novembro de 2007. A duración do espectáculo é de 55 minutos e está recomendado para públicos infantís, a partir dos 5 anos.

Esta obra ten dobre función: ás 12.00 e ás 18.30 horas. Entre o 13 e o 18 de xaneiro, pódense comprar abonos para 8 funcións, que teñen un prezo de 18 € (isto é: 2,25 € por sesión) e se poden adquirir exclusivamente en taquilla telefónica entre os días 13 e 18 de xaneiro. Hai dúas modalidades: - O abono matinal, con acceso ás sete funcións das 12.00 horas no Teatro Principal e ao musical O Libro da Selva, que se celebra o 21 de marzo no auditorio do Pazo da Cultura ás 18.30 horas. - O abono de tarde, para as sete funcións das 18.30 horas no Teatro Principal e a mesma sesión do Libro da Selva, no Pazo da Cultura, o 21 de marzo. O prezo das entradas únicas é de 3 € e pódense adquirir en venda anticipada a partir do 19 de xaneiro en www.caixagalicia.es ou no 902 43 44 43, ata tres horas antes do comezo do espectáculo ou esgotar localidades. Se aínda quedan entradas, dúas horas antes de cada función poderanse comprar na taquilla do Teatro Principal.