Xoves 22 de xulloDomingo 26 de setembro

Pazo da Cultura (Sala de Exposicións)Exposicións

A exposición “Vemos o que somos, somos o que vemos” articúlase en torno ao suxeito desde dúas aproximacións: a representación da subxectividade e a mirada subxectiva.

Por unha banda, os artistas mostran diferentes subxectividades ou reflexionan sobre a subxectividade, en termos máis xenéricos. Nas súas obras, ofrecen distintas formas de estar no mundo e de interpretalo, diversos modos de actuar e de pensar. Tomando como obxecto da representación o suxeito, reflexionan sobre o individuo na actualidade, reconsideran aspectos da historia individual e das relacións interpersoais ou indagan en sentimentos e experiencias persoais.

Por outra, preséntannos obras dun marcado subxectivismo nas que o suxeito non aparece de forma explícita, pero ten unha ineludible presenza a través da súa mirada e do seu xesto. Son traballos que nos convidan a colocármonos no punto de vista do/da artista, a compartir o seu facer e a súa mirada vertida sobre o mundo ou, mesmo, a asistir ao mundo propio que construíu.

Ideada e producida na cidade de Pontevedra, os artistas que participan nesta exposición son Álex Mene, Andrea Costas, Carmen Suárez, Diego del Pozo Barriuso, El Ama de Casa Pervertida, Fedra Alcaraz, Félix Fernández, Fran Miguens, Fruela Alonso, Itziar Ezquieta, Iván Franco Fraga, Iván Pérez, Jesús Valmaseda, Juan Rivas, Mar Caldas, Mónica Ortúzar, Rosa Úbeda, Rosalía Pazo Maside, Santi Jiménez, Sara Sapetti, Silvia Martí Marí e Tamara Feijoo.

Horario: de martes a venres de 17.00 a 21.00 horas; sábados, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Domingos e festivos, só en horario matutino, de 11.00 a 14.00 horas. Luns, pechado

Organiza: Pazo da Cultura de Pontevedra

Produce: Pazo da Cultura. Concellaría de Cultura do Concello de Pontevedra

Comisariado: Itziar Ezquieta e Mar Caldas